Saturday 27 de April de 2024

As mareas da comarca do Barbanza organizan este sábado un debate aberto sobre a xestación subrogada e os ventres de alugueiro


As formacións asemblearias organizan xunto ao Grupo Feminista de En Marea un debate aberto á veciñanza, a fin de recoller todas as opinións e conformaren “ así e dende a base” o seu posicionamento ao respecto
Perante a posibilidade dunha próxima regulación legal da xestación subrogada, En Marea está celebrando este mes, en localidades de toda Galicia, encontros sobre a maternidade e paternidade subrogadas e os ventres de alugueiro, entendendo que “é preciso abrir esta cuestión ao debate social, para coñecer as diferentes sensibilidades fronte a un tipo de maternidade e paternidade que ofrece moitas arestas”.
Logo de pasar por Compostela, Vilagarcía, o Carballiño, Ourense, Vilalba, Vigo e Lugo o sábado 27, o debate fará parada en Boiro, onde en colaboración coas mareas da comarca -Nós Pobra, Boiro Novo, Rianxo e Común e a Marea Ribeira- celebrarán ás 19:00h da tarde un encontro aberto no Centro Social de Boiro. Este será introducido e moderado por Dores Torrado, concelleira de Boiro Novo, por Olga Gago, membro da Marea Ribeira e por Sara Outeiral, integrante do Grupo Feminista de En marea e membro do Consello das Mareas.
Con este debate, que califican como “complexo” pretenden que “a nosa resposta sexa traballada pacientemente e de xeito colectivo”. Neste senso, as formacións fan fincapé na “necesidade de escoitar” a todas as partes, e as distintas perspectivas diante da maternidade subrogada e os ventres de alugueiro, “de maneira que se garantan os dereitos das persoas e non se mercantilice a maternidade”.
O debate terá continuidade en outras localidades galegas, pois En Marea celebrará encontros na mesma liña ata finais de mes para remataren cunha xornada de posta en común e conclusións no Matadoiro de Compostela o vindeiro 10 de xuño.